Friday 29 de March de 2024

Concello e Xunta analizan novas liñas de colaboración en materia ambiental e de infraestruturas


A directora xeral da Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e pola concelleira dos Servizos Municipais e do Benestar Animal, Estefanía Ramos (Nós Pobra), visitou na mañá deste 31 de agosto o parque infantil do Camiño Ancho, situado no recinto da antiga escola unitaria do lugar, no que a Xunta colaborou co Concello no marco da Orde de Infraestruturas de uso público cunha achega de 40.000 euros. A instalación conta zona cuberta, diversos xogos e chan con caucho e, segundo anunciou o rexedor, o Concello executará unha obra de accesibilidade.

Posteriormente, desprazáronse ata o centro de recollida de animais abandonados, situado no polígono industrial da Tomada, creado no 2018 e que tivo un custe de 44.719’40 euros e que contou co apoio da Xunta con 42.636’77 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. Coa finalidade de mellorar os servizos e dar resposta á cantidade de animais abandonados, no 2020 executouse unha primeira ampliación por 45.586’22 euros (35.006’43 euros por parte da Administración autonómica e 10.579’57 euros da local), e, unha segunda no 2021 por 39.419’75 euros (34.103’50 da Xunta e 5.316’25 do Concello). Deste xeito, o refuxio conta actualmente con oficina, baño, espazo para animais que chegaron recentemente, área de corentena, patio exterior e dez canís.

O rexedor, quen agradeceu a presenza da directora xeral, trasladoulle necesidades do municipio en materia de equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais nunha reunión previa que tivo lugar na casa consistorial: unha nova nave para a brigada ou a adquisición da que está en aluguer, a mellora da accesibilidade no edificio do consistorio ou a compra de algún vehículo para a Policía local, entre outras cuestións. Pola súa parte, Natalia Prieto manifestou o compromiso da Xunta por manter o apoio aos concellos galegos.